• Editorial Xerais, 2015.
  • Portada de Antonio Seijas.
  • Premio Jules Verne 2015
  • Editorial Small Stations Press, 2018.
  • Colección Galician Wave.
  • Traducido por Jonathan Dunne.

Sinopse

Europa Express é unha novela inspirada nas miñas viaxes de interrail: tres meses en tres veráns consecutivos percorrendo Europa de tren en tren, cunha mochila chea de experiencias. E de postais para a miña colección. Imaxinas chegar a unha pequena cidade norueguesa que visitaches hai dez anos e descubrir que apareces nunha postal? Aínda soño con que me poda suceder a min… Pois iso é precisamente o que lle acontece a Nico, un dos protagonistas. O que el descoñece é que esa postal agocha un segredo capaz de remover todo o seu mundo. E o dos amigos cos que compartiu aqueles inesquecibles días.

Dá unha volta por Europa con esta obra de intriga, de amor e amizade, de adolescencias efémeras como o esplendor na herba e sentimentos inesquecibles capaces de alterar o curso das nosas vida. Porque todo o que unha vez fomos permanece para sempre na memoria.

Curiosidades

Son moi fan das novelas que se abren con citas que orientan a lectura das historias. É como unha pequena trampa literaria que xa pon ao lector ou lectora á expectativa e esperta a súa curiosidade.

Europa Express ábrese con tres citas sobre o tempo e a memoria.

O poema de William Wordsworth, un dos recoñecidos “Lake poets” do Romanticismo inglés, dá título a unha das películas que me impactou durante a adolescencia Splendor in the grass (ollo, que esta peli en branco en negro é do ano 1961!). Pola súa banda, Marica Campo é unha das miñas poetas preferidas. Guía e mestra, é unha das mulleres máis incribles das nosas letras, capaz mesmo de achegarse á definición de beleza. Canto a Robert Frost, é considerado un dos precursores da poesía moderna estadounidense. O eco do seu gran poema, Nothign gold can stay, atravesa o tempo ata coarse en obras tan dispares como no prólogo da coñecida novela Rebeldes, de Susan E. Hinton, ou a serie de animación Los Simpson, onde é recitado polo capitán de barco McCallister (“Arrrr!”) nun episodio no que Bart se despide dos seus xoguetes da infancia.

Xeniais ilustracións dos personaxes de Europa Express de María Macías.