andrea maceiras biografia

Foto de Érica Esmorís.

Biografía

Nacín na Coruña en 1987.

O amor polas historias chegou un pouco despois. E a destinataria dos meus primeiros contos foi a miña irmá pequena. Quizais por iso me sinto tan cómoda na literatura infantil e xuvenil.

De adolescente, descubrín unha pintada na parede do instituto. Dicía “a arte comeza no punto en que vivir non abonda para expresar a propia vida”. A cita é anónima e nunca souben quen a escribiu alí, pero a día de hoxe segue a ser a mellor definición de literatura que coñezo. Tanto, que ás veces penso que nunca existiu. Pero entón lembro a súa situación exacta, a cor negra das letras debuxadas a spray e dígome a min mesma que non puido ser un soño.

Creo que iso tamén é literatura.

Son doutora en Filoloxía Hispánica e licenciada en Filoloxía Galega.

Traxectoria literaria

Publiquei a miña primeira novela, Proxecto bolboreta no 2007, grazas ao Premio de Micronovela do concello de Soutomaior. Dous anos despois gañei o Premio Meiga Moira de literatura infantil e xuvenil por Violeta tamurana.

En 2012 publiquei O segredo do lagarto arnal e un ano despois, en 2013, Nubes de evolución, finalista do Premio Fundación Caixa Galicia e mellor libro xuvenil do ano nos premios Fervernzas Literarias.

En 2014 publiquei Miña querida Sherezade, obra gañadora do Premio Meiga Moira e nese mesmo ano viu a luz Volverás, golfiño, finalista do Premio Merlín.

Con Europa Express obtiven o Premio Jules Verne, co que tanto soñara, no ano 2015 e pouco despois a obra foi traducida ao inglés. Tamén foi recoñecida como mellor novela xuvenil nos Premios Fervenzas Literarias.

En 2018 quedei finalista do Premio Raíña Lupa con O que sei do silencio, que foi publicada en galego e traducida posteriormente ao español. Conta nove estrelas, a miña novela número nove, gañou o Premio Lazarillo 2018 e está editada en galego e en español.

En 2020 concedéronme o premio dos Clubs de Lectura da Consellería de Educación de Galicia como a autora máis lida. E no mesmo ano gañei o Premio Merlín de literatura infantil coa obra A folla azul, que será publicada en español próximamente.

No ano 2021 concedéronme o premio Frei Martín Sarmiento, outorgado pola Asociación de Escolas Católicas de Galicia, como a mellor novela de 2020 por Conta nove estrelas, na categoría de 5º e 6º de primaria. Meses despois , gañei o premio Raiña Lupa da Deputación de A coruña coa obra Que se me pare o corazón se te esquezo, que será publicada próximamente.

Ás veces creo que escribo por todas as cousas que foron, serán ou puideron ter sido. Outras que leo porque existo. Quizais a literatura sexa simplemente iso: unha forma diferente de existencia ou de viaxe. Pasaxeira, mantéñome no tránsito entre todo o que é visible e aquilo que só nos é posible albiscar.