Que me pare o corazón se te esquezo

Andrea Maceiras Que me pare o corazon se te esquezo
  • Gañadora do Premio Raíña Lupa 2021.
  • Publicado pola Editorial Xerais, 2022.
  • A partir de 14 anos.
  • Próximamente en español na Editorial Anaya.

Resumen

Blue Shiva é a deusa das redes sociais. Na súa popular canle aparecen os retos virais máis arriscados. Pero tamén é unha deusa fráxil. A noite en que decide camiñar polo bordo dun edificio de dez andares, só desexa que a chuvia deteña a súa ousadía. Porén, Nordestal é unha cidade ventosa, e Blue Shiva precipítase ao seu propio abismo. Axiña as redes sociais difunden a nova da súa morte.

Do outro lado da pantalla, Ada, que non pode crer que Blue Shiva xa non exista, pídelle axuda á súa irmá xemelga, Lúa, e convértea en cómplice involuntaria. Pola súa banda, Gabriel regresa a Nordestal guiado polos latexos do seu corazón.

Narrada a dúas voces, Que me pare o corazón se te esquezo é unha historia sobre ese mar que nos axita por dentro e sobre aquel que se abre alén das nosas pantallas, tinguido pola peor sombra e, ao tempo, capaz da maior luz.

Curiosidades de Que me pare o corazón se te esquezo

Que me pare o corazón se te esquezo é unha novela que nace da brétema que envolve as cidades de calquera norte xeográfico, do mar que nos percorre axitándonos ou acougándonos na cadencia das súas ondulacións. Da necesidade de procurar quen somos e do desexo de quen queremos ser pero, sobre todo, de como nos esforzamos por amosarnos ante os demais.

E do arriscado de fiarse das aparencias.

Nesta historia están presentes as luces e sombras das redes sociais, todas as verdades e mentiras que van compoñendo as stories, os vídeos e as fotografías destinados a lograr unha perfección imposible, unha fama efémera, que se desfai coma fume entre os dedos pero que produce vertixe a quen a acada. Porque chegar a ela supón, para algunhas das personaxes desta historia, rozar o ceo cos dedos.

Por este motivo, un aspecto no que me detiven especialmente foi na creación dos nomes dalgúns dos personaxes principais. Non se trata dos nomes de pía, senón daqueles outros cos que eles e elas se identifican de verdade: os nomes que os definen nas redes, xogando coa construción das súas identidades, co que finxen ser e co que realmente agochan.

Así, Ada pasa a ser Fada Escura nas redes, evidenciando a negrura que tingue o seu mundo interno. Esta noite perpetua só pode ser alumeada pola súa irmá xemelga, Lúa, que no universo virtual se transforma simbolicamente en Plenilunio: o momento de maior resplandor, o da lúa chea. Pola súa parte, Gabriel, adopta o nome de Dante en redes en homenaxe ao poeta italiano Dante Alighieri. A obra máis famosa deste escritor, a Divina Comedia, relata a baixada aos círculos do inferno do seu protagonista e coincide co nome da canle de Gabriel, reflectindo a súa experiencia.

O nome de Blue Shiva está escollido pola súa ambivalencia, xa que o deus do hinduísmo, Shiva, é un deus transformador, capaz da creación e da destrución. Algo semellante sucede con Minina Bastet que, neste caso, nos leva á mitoloxía exipcia, na que se adoraba á deusa gata Bastet (unha das miñas preferidas). Esta deusa, ao igual que os felinos é imprevisible, de modo que pode amosarse pacífica ou salvaxe. En canto a Lady Idunn, inspírase nas lendas nórdicas e é a deusa da beleza e da eterna xuventude, valores esenciais no enganoso mundo das redes sociais. Deste modo, componse a tríade de deusas da novela, aspirantes á eternidade. Elas son as creadoras do seu propio universo, as donas do seu anaco de ceo. E tamén do seu abismo.

Pero se hai un nome importante para min nesta historia é o de Nordestal.

Existe na miña realidade unha cidade tan parecida a Nordestal que se diría que son a mesma. Esta é tamén unha cidade de nordeste, onde sopra o vento nordés, onde a nordesía ou a nordestada son frecuentes. E desta combinación nace o seu alcume ficticio que para min é xa verdadeiro.

Benvidos, benvidas a Nordestal.

Páxinas
224
Idioma
Galego
ISBN
978-84-1110-142-4
Editorial
Xerais
Precio
12,95 €
Formato
Tapa branda

Novelas relacionadas

Reseñas

Que me pare o corazón se te esquezo, de Andrea Maceiras

Que me pare o corazón se te esquezo, de Andrea Maceiras