Cando estudaba na universidade, pasaba longas horas de espera na estación de autobuses, agardando o momento de poder volver a casa. Aburrida, comecei a imaxinar as vidas daquelas persoas coas que me cruzaba acotío. O home de mediana idade que camiñaba apoiado nun paraugas co que parecía querer ferir o mundo. A rapaza da limpeza, sempre tan abrigada que parecía ter o frío instalado na súa alma. O mozo da bolsa de deportes, protexido pola música dos seus cascos cos que parecía protexerse do mundo…