• Editorial Baía Edicións, 2014.
  • Ilustracións de Antonio Seijas.
  • Premio Meiga Moira 2014.

Sinopse

“Ser un libro é marabilloso. Agás cando chega a vellez. Entón decátaste de que estás feito un farrapo. Os personaxes que viven dentro de ti danche as costas porque non podes ofrecerlles a vida que eles queren. Caes enfermo. Tés tanta febre que súas tinta. E sentes a morte moi preto. Eu non quero rematar así. Sei que aínda teño unha historia máis que contar. Non está nas miñas páxinas, senón gravada no meu corazón. E non é unha soa, senón moitas. Porque eu nacín en 1908 na Casa Editorial de Saturnino Calleja. Viaxei a Cuba no peto dun home rico e regresei na man dun pobre emigrado galego. Coñecín o amor e o desamor, sobrevivín a unha guerra civil, alimentei soños, transmitín mensaxes, salvei e fun salvado. Eu gardei dentro de min a cor dourada de todos os desertos, a Simbad, Alí Babá e Aladino. Por iso che pido, miña querida Sherezade, que non marches, que agora sexas ti quen me escoite. Porque pode que esta sexa a miña última historia.”

Este é para min un dos libros máis especiais que escribín. Se amas os libros como eu o fago, se confías en que as palabras poden salvarte a vida como a Sherezade e en que a memoria é capaz de vencer o tempo porque na literatura hai alento de eternidade, gustarache esta historia que te levará de viaxe a través das vidas dos personaxes posuidores dun libro con ganas de contar unha última historia.

Curiosidades

Esta historia está inspirada nun libro real que había na biblioteca da miña casa. Tratábase dunha gastada edición de As mil e unha noites da editorial Saturnino Calleja de principios de século, publicada probablemente no ano 1907 ou 1908. O exemplar, que me fascinara desde a infancia, estaba moi estragado, coas follas rotas, a cuberta escurecida e as ilustracións coloreadas. O libro pertencía á miña avoa, a quen llo agasallara unha amiga da infancia. Na capa inicial, escrito con tinta azul, figuraba o nome desa amiga coa data na que llo regalaran a ela:  21 de marzo de 1949. Pero, por debaixo deste nome, con tinta negra, alguén puxera outro (actualmente ilexible),  engadira unha data anterior (1911) e un lugar que sempre espertou a miña imaxinación e curiosidade: Ciénaga de la Habana. Anos máis tarde, mentres estudaba Filoloxía Galega, unha profesora comentou durante a clase que era moi habitual que este título se atopase nas casas galegas, quizais porque o xénero do relato fantástico é esencial na nosa literatura. Fun moi feliz tecendo esta historia que discorre en paralelo á nosa: a inmigración, a vida nas aldeas, o ir e vir de amores, amizades, familiares e, en definitiva persoas. Pero sobre todo fun moi feliz porque me deu a oportunidade única de ser máis que lectora ou escritora: de converterme en libro, en pura historia.