• Editorial Xerais, 2013.
  • Portada de Antonio Seijas.
  • Finalista do Premio Fundación Caixa Galicia.

Sinopse

Cando estudaba na universidade, pasaba longas horas de espera na estación de autobuses, agardando o momento de poder volver a casa. Aburrida, comecei a imaxinar as vidas daquelas persoas coas que me cruzaba acotío. Aquel home de mediana idade que camiñaba apoiado nun paraugas negro co que ferir a quen se cruzase no seu camiño. A rapaza da limpeza, tan abrigada que parecía ter o frío instalado na alma. O adolescente da bolsa de deportes, amparado na música dus cascos cos que protexerse do mundo…

Nubes de evolución relata a historia de tres personaxes, un profesor frustrado, unha nai adolescente e un rapaz perdido, que só teñen en común o seu paso cotián pola estación de autobuses. Ata que un día, unha misteriosa pintada escrita nunha parede, cambia para sempre as súas vidas.

Gustarache se che emocionan as historias intimistas, de vidas que evolucionan como nubes e ceos escuros polos que ás veces se filtran raiolas de luz.

Curiosidades

A pintada que reúne aos tres personaxes da obra na estación de autobuses é un verso da canción Angie, incluída no álbum Goats Head Soup de 1973 dos Rolling Stones. Trátase dun clásico musical contemporáneo que relata unha historia de desamor: a voz lírica explica á súa amada Angie que a relación é xa imposible, nunha despedida non exenta de esperanza. “When will those clouds all disappear?” é a pregunta que dá inicio ao tema e evidencia o anhelo do eu poético pola chegada de tempos mellores. Ademais, aproveita as nubes como símbolo para expresar a súa tristeza.

En realidade, a pintada que eu vin na estación durante aquelas longas esperas era outra. Dicía “Nobody loves no one”. Pero este tema dos Rolling forma parte de min desde a infancia por ser unha das cancións favoritas da miña nai e contén moita máis luz que a frase orixinal. Supoño que ese é outro dos poderes da literatura: a capacidade de reinventar a realidade a través das palabas.

Por se queres saber máis…

Enlace á páxina de Galipedia de Nubes de evolución:

https://gl.wikipedia.org/wiki/Nubes_de_evoluci%C3%B3n

Marabillosa ilustración de Sarela Lorenzo.