• Editorial Xerais, 2007.
  • Portada de Antonio Seijas.
  • Premio I Certame de Micronovela, Concello de Soutomaior.

Sinopse

Hadrián Barcés, matemático e gran soñador, decide realizar unha viaxe dende Pequín a Nova York coa intención de comprobar a veracidade do conxunto de teorías coñecidas como “Efecto Bolboreta”, acuñadas por científicos como James Gleick e Edward Lorenz a partir do proverbio chinés: “o bater das ás dunha bolboreta pódese sentir ao outro lado do mundo”. Hadrián recollerá no seu diario as detalladas anotacións desta aventura científica e solitaria polo mundo enteiro na que conseguirá resolver algunhas das súas incógnitas, sufrirá moitas penurias e decepcións, vivirá acontecementos inesperados e mesmo atopará neses vieiros o rostro fermoso da bolboreta do amor, o símbolo de todos os seus soños. O Proxecto Bolboreta é un xeito diferente de vida, un soño que merece ser cumprido.

Curiosidades

Cando a miña mellor amiga cumpriu dezaoito anos quixen facerlle un regalo especial que celebrase a súa (nosa) maioría de idade. Como sabía que lle gustaban as libélulas, bolboretas e, en xeral, toda clase de insectos alados, escribín un conxunto de relatos inspirados nesta temática. Un deles foi o xerme da que sería a miña primeira novela, Proxecto Bolboreta, que relata historia dun matemático soñador e tolo, merecedor do Premio Ignobel pola investigación absurda e fermosa que acomete en soidade para demostrar, finalmente, que todo é posible se o desexamos de verdade. Volvendo a vista atrás, penso que tiña razón, e que realmente esa historia só foi o inicio dunha máis longa. Porque, se existen os soños, existe a posibilidade de que os cumpramos.