• Editorial Xerais, 2014.
  • Ilustracións de Víctor Rivas.
  • Finalista do Premio Merlín.

Sinopse

A familia de Iris vese obrigada a mudarse á casa do avó na Costa da Morte. Alí as longas tardes do verán énchense coas visitas da nena ao desacougante areal de Trece e coa luz do faro de Cabo Vilán, que advirte de invisibles perigos. Algo escuro se agocha no baúl que Iris descubre no faiado e que inexplicabelmente leva escrito o seu nome. Algo que ten que ver co mar e coa negrura que algunhas veces o cobre; con lendas afundidas polo tempo e polas augas; cos segredos dunha costa que é de morte pero tamén de vida onde, en ocasións, nadan os golfiños.

A Costa da Morte é un lugar de lendas e fantasmas, de mares batidos e naufraxios, de faros erixidos sobre rochas escarpadas. Se che gustan as historias de espíritos e misterio e queres saber máis sobre este extraordinario lugar que forma parte da historia máis profunda de Galicia, non dubides en ler esta novela.

Curiosidades

Todos os naufraxios nos que se basea o argumento de Volverás, golfiño, son históricos e reais. Para a creación desta historia documenteime en diversas fontes, tanto escritas como dixitais: libros de historia, xornais antigos, lendas de transmisión oral… e decateime de que historia da Costa da Morte resulta inesgotable. Dise que foron os mariñeiros ingleses os que lle deron este nome polo perigo das súas augas, que arrastraban os barcos cara a costa sen que os tripulantes se apercibisen. Mentres pescudaba datos en xornais británicos da época, cheguei, de xeito inesperado, a unha listaxe dos pasaxeiros do Iris Hull. Emocionada, descubrín que na pasaxe había dúas persoas coas iniciais T. Lang e escribín ese suxestivo apelido no meu caderno de notas. Cando quixen regresar á fonte onde atopara aquela valiosa información, non fun capaz. Xamais volvín encontrar aquela lista de pasaxe. Ás veces penso que non existiu. Outras que non puiden imaxinalo. Pero esa é a maxia da escrita.

Nota da autora

Sei que nalgúns centros escolares onde se leu esta novela, profesores e profesoras xenerosos entusiastas fixeron rutas literarias visitando os escenarios onde se desenvolve a novela e mesmo facendo lecturas nos enclaves principais da historia. Quero expresarlles a miña máxima gratitude! E animar a todos os lectores e lectoras a que se dean unha volta polo Areal de Trece, o Cemiterio dos Ingleses, o faro de Cabo Vilán e en definitiva polas costas do norte de Galicia. Pode que mesmo se vos acheguen os golfiños. Merece a pena!

Por se queres saber máis…

Enlace á Galipedia de Volverás, golfiño:

https://gl.wikipedia.org/wiki/Volver%C3%A1s,_golfi%C3%B1o

Ilustración do Flickr de Victor Rivas.