• Editorial Xerais, 2018.
  • Portada de Antonio Seijas.
  • Finalista Premio Raíña Lupa 2017.

Sinopse

Inspirada libremente nunha historia real, O que sei do silencio é, quizais, unha das novelas máis intensas e complexas que escribín. Narrada en forma de blog, relata en primeira persoa como Delia e as súas amigas acosan á rapaza nova do instituto, a guapa e intelixente Silke. Pero tamén Silke a invisible. Silke a zorra. Silke a quentabraguetas.

Ata que todo se lles vai das mans.

Eu acosei.

El acosou.

Nós acosamos.

Eles acosaron.

Creo que é fácil poñerse na pel de Delia porque, nun momento ou outro das nosas vidas, case todos e todas nós fomos acosadores pasivos. Esta non é outra historia máis sobre acoso escolar. E Delia tampouco é a narradora que esperabas. Porque ela sabe que foi unha cobarde por gardar silencio. E agora chegou o momento de confesar a verdade, por difícil que lle resulte. Porque a violencia exercida contra Silke, real e tecnolóxica, machista e cruel non só pasa factura ás vítimas. Tamén os seus verdugos.

Se che preocupa o acoso, se algunha vez sentiches que a presión do grupo che deixaba sen palabras, se che gustan as novelas realistas que tratan temas como o arrepentimento e as segundas oportunidades, anímate a ler esta historia de silencios culpables.

Cita

“O silencio pode converterse nun burato negro se te deixas arrastrar por el. O silencio pode mancar tanto como as palabras, tanto como as labazadas. Diso vai este blog. Dos meses que pasei en silencio. Do que aprendín aqueles días da crueldade e da cobardía.

Isto é o que sei do silencio.”

Curiosidades

Encántanme os clubs de lectura, xa sexa en bibliotecas, comunidades online ou colexios e institutos. Por iso algúns personaxes da obra, como Delia, Elisa e Marcos forman parte dun. No momento no que Silke chega ao instituto, no club de lectura están a ler un libro de contos titulado De cando fun serea, da autora Leaena Hiems. Delia comparte algúns destes relatos no blog para reflexionar máis profundamente sobre temas que a preocupan.  Porén, ese libro non existe (aínda!).

Inventar libros e autores ficticios non é algo novo na historia da literatura. Pola contra, trátase dun vello xogo que moitos autores aproveitamos para confundir a realidade e a ficción e facer textos metaliterarios (literatura dentro de literatura). Quizais o exemplo máis coñecido é o do grimorio titulado Necronomicón, un libro inexistente que é froito da imaxinación do autor H.P. Lovecraft, pero que moitos lectores e lectoras consideraron real. Algunhas veces, os libros imaxinarios mesmo poden converterse en reais. Por exemplo, Animais fantásticos e onde atopalos comeza sendo un dos libros de texto de Harry Potter, para logo ser desenvolvido por Joanne K. Rowling como unha historia autónoma, aínda que asinada por Newt Scamander. E é que ás veces o real e o ficticio están tan preto que non é fácil saber onde se atopa a liña que marca a diferenza. Pode que, nalgúns casos, nin sequera exista.

Dispoñible en español en 2020 en Algar Editorial.